O pasado venres, 11 de abril o noso proxecto EC4RURAL estivo presente na visita ao Concello do Rosal do Grupo de Desenvolvemento Rural LAG “Association Partnership Daugavkrasts” de Letonia, que acudiu ao municipio no marco do programa Erasmus+. A entidade é o equivalente aos GDR galegos.

Xavier Simón, coordinador do proxecto e catedrático de Economía Aplicada da UVigo, foi o encargado de explicarlles os obxectivos da nosas iniciativa centrada en facilitar a transición cara a enerxías limpas en 34 municipios de Galicia e de Estonia mediante a creación doutras tantas comunidades enerxéticas. O Concello do Rosal é un dos 22 municipios galegos que participan no proxecto EC4RURAL, cofinanciado a través do programa LIFE.

Outra das paradas foi a Oficina da Enerxía do Rosal, espazo pioneiro que ofrece asesoramento, formación e acompañamento a iniciativas de eficiencia enerxética e comunidades enerxéticas locais.

Visión integral

Da man da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e no marco do programa Erasmus+, o Concello do Rosal recibiu a visita dunha delegación da asociación Partnership Daugavkrasts de Letonia para coñecer boas prácticas como construír e fortalecer comunidades locais sostibles, fomentar a participación cidadá e avanzar cara a modelos de autosuficiencia enerxética. A comitiva percorreu experiencias locais exemplares e participou nun intercambio enriquecedor coa veciñanza, co tecido asociativo e con representantes institucionais.

Tanto a participación en EC4RURAL como a Oficina da Enerxía forman parte estratexia municipal en materia de sostibilidade ambiental e transformación ecolóxica, na que o Goberno municipal leva traballando nos últimos cinco anos con proxectos innovadores en todos os eidos.