O 30 de outubro o proxecto EC4RURAL presentou na Universidade de Vigo os seus resultados e as súas propostas nunha conferencia dirixida ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. A xornada, que se desenvolveu de 13.00 a 14.30 horas, abordou os desafíos e as solucións para a mellora da autonomía enerxética e a sustentabilidade nas zonas rurais, facendo fincapé na relevancia da participación activa das comunidades e dos futuros profesionais no desenvolvemento de modelos enerxéticos máis sostibles e inclusivos.
A estrutura da conferencia comezou cunha introdución aos problemas estruturais das zonas rurais, como a dispersión territorial e as limitacións económicas, e explorou como a dependencia dos modelos centralizados de subministración eléctrica afecta á viabilidade destas zonas. A continuación, EC4RURAL expuxo a intersección entre estes problemas e a organización da subministración eléctrica a través de dous modelos posibles: descentralizado e distribuído. Este último foi destacado como a mellor opción para o rural, ao permitir que a propia comunidade xestione a súa produción de enerxía renovable, de xeito localizado e promovendo así a autosuficiencia.
Outro dos puntos clave foi a explicación do marco normativo que favorece a xeración distribuída e a creación de Comunidades Enerxéticas Renovables (CER), destacando as vantaxes que estas ofrecen en termos de autoconsumo e cooperación entre usuarios. Así mesmo, abordáronse exemplos dos diversos modelos de CER en distintos contextos rurais, mostrando o impacto positivo que teñen na economía local e na sustentabilidade das comunidades.
A conferencia tamén explorou a contribución do proxecto EC4RURAL á dinamización e cooperación comunitaria mediante os piares epistemolóxicos que definen o proxecto, como a formación de formadores, a produción de enerxía renovable adaptada ao contorno local e un modelo de democracia directa que permite a participación activa de todos os membros da comunidade.
Para rematar, o equipo de EC4RURAL propuxo unha dinámica de reflexión na que as persoas  asistentes analizaron o papel que poden desempeñar como futuros profesionais da enxeñaría na transición enerxética. Mediante actividades en parella e en grupo, compartiron ideas para fomentar o cambio cara a unha xestión enerxética máis equitativa e respectuosa co medio ambiente.
Esta colaboración conxunta entre o proxecto EC4RURAL e a Universidade de Vigo reforza o compromiso conxunto de avanzar cara a un futuro sostible, promovendo a autonomía enerxética nas zonas rurais e inspirando ás novas xeracións a liderar o cambio.