É un dos fitos acadados no primeiro ano de traballo deste proxecto europeo cofinanciado polo programa LIFE.
O consorcio reuniuse recentemente en Tartu (Estonia) para continuar avanzando na implantación de 34 comunidades enerxéticas en Galicia e en Estonia.
Vigo, 22 de outubro de 2024. Xusto un ano despois do seu inicio, o consorcio de EC4RURAL acaba de presentar dúas innovadoras ferramentas de cálculo ad hoc para analizar a viabilidade dunha comunidade enerxética rural ou de calquera iniciativa para produción de enerxía comunitaria. Baseadas nunha aplicación ofimática de uso xeneralizado e accesible como é Microsoft Excel, o seu obxectivo é servir de instrumento útil na toma de decisións con transcendencia económica para os xestores destes proxectos comunitarios. Estes avances xa están sendo presentados ao sector en foros como a xornada “As comunidades enerxéticas como motor da transición enerxética”, que organizou o proxecto Eu-Nets a pasada semana en Vigo e estarán tamén dispoñibles na web de EC4RURAL (https://ec4rural.uvigo.gal) para uso libre dos usuarios.
O proxecto EC4RURAL botou a andar hai agora un ano cun orzamento de 1,6M€ cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea, dentro do subprograma Clean Energy Transition. Con catro anos de duración e dez socios de tres países, o seu obxectivo é transformar as relacións entre as entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario climático. Tamén se busca evitar a pobreza enerxética a pesar da súa riqueza de recursos.
Nestes 48 meses, o consorcio de EC4RURAL vai desenvolver un traballo que aspira á constitución de 34 comunidades enerxéticas rurais en Galicia (España) e en Estonia, para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos. Á fronte do proxecto está o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xavier Simón, que tamén forma parte do centro de investigación CISPAC, o Centro de Investigación sobre Paisaxes Atlánticas Culturais.
As ferramentas
Os primeiros resultados de EC4RURAL tras o seu primeiro ano de traballo son estas dúas ferramentas para analizar a viabilidade económica de iniciativas de enerxía comunitaria. A primeira delas foi concibida para facer a avaliación previa das implicacións económicas que tería unha iniciativa de produción de enerxía eléctrica de propiedade comunitaria. En base a unha selección de hipóteses e do perfil do usuario, a ferramenta de cálculo realiza as estimacións e presenta os principais conceptos dunha forma visual e resumida. O resultado sería similar a un Plan de viabilidade económica, que é un elemento imprescindible na planificación estratéxica de calquera proxecto con repercusións económicas, argumenta Xavier Simón. “Vainos dar unha idea da sostibilidade dunha proposta de produción enerxética comunitaria previamente á súa realización e, consecuentemente, tamén antes de que se comprometan os recursos para financiar os investimentos requiridos”, continúa Simón que, xunto co seu equipo no proxecto EC4RURAL e no Observatorio Eólico de Galicia, desenvolveu estes dous recursos.
A segunda das ferramentas complementa á primeira en canto aos seus obxectivos e perspectiva de análise. Esta deseñouse para asistir aos xestores na avaliación do rendemento anual ou noutro período concreto de tempo cando a comunidade enerxética xa está operativa.
Balance dun ano de traballo en Estonia
Tras un ano de traballo, o proxecto EC4RURAL celebrou a súa segunda reunión presencial na cidade de Tartu, Estonia, hai unhas semanas. A xuntanza brindoulle aos dez socios a oportunidade de facer balance e reflexionar sobre o progreso acadado desde a xuntanza de lanzamento en setembro de 2023, tratar asuntos organizativos e delinear os próximos pasos. Organizado pola Universidade de Tartu, o encontro foi altamente produtivo, permitindo manter discusións construtivas sobre os fitos acadados. Para Simón a reunión foi un éxito en termos do debate sobre os logros e os desafíos que enfronta o EC4RURAL e “tamén foi útil para contextualizar as particularidades que enfrontan territorios rurais tan distantes como Galicia e Estonia”, recordou. Os membros do consorcio coincidiron na certeza de que as dificultades que encaran para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas nos dous pilotos requiren solucións específicas de acordo cos contextos sociais, políticos e económicos de cada área.
A base de EC4RURAL, unha cidadanía activa
A Universidade de Vigo lidera este consorcio multidisciplinar formado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia. Con sede en Bélxica, atópase a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e, por parte de Estonia, están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU). En España, participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión Espazocoop de Cooperativas Galegas e a Fundación Juana de Vega.
Os 22 concellos galegos implicados, distribuídos nas catro provincias, ocupan case 2.700 hectáreas e suman unha poboación de case 94.000 habitantes. Son Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense); Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).
En Estonia, nos 12 municipios participantes viven máis de 125.000 habitantes, ocupando unha superficie total de máis de 9.000 hectáreas. Son Alutaguse, Elva, Hiiumaa, Järva, Lääne-Harju, Põltsamaa, Rõuge, Saku, Tori, Türi, Viimsi e Viru-Nigula.