A principios de agosto, o pasado mércores 7, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia (Eesti Linnade ja Valdade Liit) co-organizou unha xornada de inspiración en Tikupoiss. A actividade estaba enmarcada nas actividades de difusión e divulgación dos obxectivos de EC4RURAL – LIFE Programme para informar sobre o mesmo a todas as persoas interesadas en crear comunidades enerxéticas nos doce municipios rurais que participan no proxecto.

 

En total houbo 28 participantes representando aos municipios Hiiumaa, Järva, Mustvee, Saarde, Rõuge, Paide, Võru, Tallinn, Tori, Tootsi, Ulila, Saue, Pärnu, Lüganuse; da ONG Consello Cooperativo Virumaa, da Asociación de Goberno Municipal Virumaa; e representantes dos catro socios estonianos: a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu, a Unión Estoniana Leader (ELU), a Universidade de Tartu (UTARTU) e a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia (AECM).

Taavi Liivandi, do municipio de Hiiumaa, compartiu a súa experiencia sobre o progreso da creación dunha comunidade enerxética na illa, a segunda máis grande de Estonia. Pola súa banda, Rait Pihelgas, da Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, falou dos obxectivos do goberno local para a implantación das comunidades enerxéticas; e Rene Reisner, do Ministerio do Clima, fixo unha radiografía sobre o desenvolvemento das comunidades enerxéticas no país.

 

Durante a mesa redonda, o debate xirou sobre a idea de que un dos eixos do éxito na implantación dunha comunidade enerxética é establecer unha gobernanza transparente e fluída cos veciños e propietarios, sobre todo cando xa está constituída. Así mesmo, os participantes avanzaron as últimas novidades no sector enerxético, destacando que as novas solucións chegarían ao mercado máis rápido se houbese unha lexislación que amparase a súa implantación.

 

A mañá finalizou cun circuíto por Tikupois con Urmas Johanson, propietario do parque solar Tikupoisi, coñecendo as posibilidades de almacenamento de baterías e do xerador de vento.

En Estonia, nos 12 municipios rurais adscritos a EC4RURAL viven máis de 125.000 habitantes, ocupando unha superficie total de máis de 9.000 hectáreas. Son Alutaguse, Elva, Hiiumaa, Järva, Lääne-Harju, Põltsamaa, Rõuge, Saku, Tori, Türi, Viimsi e Viru-Nigula.

: