Durante o evento, ao que asistiu o coordinador Xavier Simón, presentouse o proxecto da Comunidade Enerxética Rural “O Rosal enerxía”

Xavier Simón, coordinador de EC4RURAL, asistiu o martes, 21 pola tarde á inauguración da Oficina da Enerxía do Concello do Rosal (Pontevedra, Galicia). Durante o evento tamén deu a coñecer aos asistentes este proxecto europeo, do que forma parte este municipio.

Ao finalizar, fíxolle entrega á alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, da placa “Concello en transición enerxética”, o distintivo oficial que EC4RURAL outorga aos 34 municipios galegos e estonianos adscritos ao noso proxecto.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, explicou a importancia desta iniciativa no contexto local e como a Oficina se converterá nun referente de transformación enerxética na comarca xa que o seu fin é promocionar un modelo máis sostible, participativo e ambientalmente respectuoso, promovendo a creación de comunidades enerxéticas rurais como a que impulsa o propio Concello no marco de EC4RURAL, “O Rosal Enerxía” baixo o modelo de asociación se ánimo de lucro. Durante a presentación abriuse unha rolda de preguntas para resolver dúbidas sobre o seu funcionamento e os pasos necesarios para participar.

 

De consumidores a prosumidores

Na súa intervención, a alcaldesa destacou a importancia de traballar de forma transversal para unha xestión máis sostible e eficiente que leve a un uso de enerxía limpa e a un aforro enerxético que tamén suporá un aforro económico para o Concello e para a veciñanza, dando novos pasos para afrontar as continuas subas de prezos. Neste sentido, sinalou “a relevancia de fomentar proxectos que permitan, ao igual que facemos no caso da auga, ser xestores e creadores da nosa propia enerxía, sempre dende unha perspectiva colectiva e non como unha decisión individual”. Precisamente, o principio de converterse en “promosumidores” está estreitamente vinculado cos obxectivos de EC4RURAL.

A nova Oficina da Enerxía estará situada no Centro Social Polivalente do Rosal e contará cun horario de atención ao público de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas a través do teléfono 677 73 73 21 e do correo electrónico oficina@enerxia.eu. Ademais, a Oficina tamén abrirá de forma presencial os xoves neste mesmo horario con cita previa.