O Concello do Rosal (Pontevedra) é un dos 22 municipios galegos que participan no piloto de Galicia do proxecto EC4RURAL para crear unha comunidade enerxética rural. A súa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, explícanos como iniciaron este camiño de cambio baseado na sostibilidade e que tamén os levou a ser o único concello de Galicia con Oficina de Transformación Comunitaria.

O Rosal é un dos 22 concellos rurais de Galicia que se sumou a EC4RURAL. Que os motivou a formar parte deste proxecto? De onde xorde a súa inquedanza porque, ademais, son o único concello rural de Galicia con Oficina de Transformación Comunitaria.
Levamos cinco anos traballando nun modelo de transformación enerxética social e veciñal no Rosal e as comunidades enerxéticas, xunto coa Oficina de Transformación Comunitaria, son outra oportunidade para materializar esa transformación.

O modelo no que camiñamos levounos a abrir esa nova ventá. Diante da subida astronómica dos prezos da enerxía na pandemia, que xerou novas situacións de exclusión social e o modelo eólico depredador formulado pola Xunta de Galicia, vimos a oportunidade de crear un novo modelo coa implicación da veciñanza, do noso gran tecido social, comunitario e as pemes para sermos colectivamente consumidores, prosumidores e comercializadores de enerxía renovable como acontece con outro ben básico como a auga das traídas veciñais.

“Para nós, os fondos europeos, foron unha oportunidade fundamental para poder camiñar e materializar a nosa estratexia.”

Que papel ten, ou está asumindo, o Concello do Rosal neste proceso de transición enerxética? Que pasos deron ata o momento e en que fase entran?
O Concello coa veciñanza é o motor, o impulsor desta transformación. O primeiro que fixemos hai cinco anos cando chegamos ao goberno foi unha auditoría enerxética para ter unha foto fixa da situación. A continuación, adherímonos ao PACES (Plan Acción polo Clima e Enerxía Sostenible) e construimos un modelo de sostibilidade e transformación enerxética progresiva centrado en tres eixos para o que levamos captado, en tres anos, case 4M€ dos Fondos Europeos Next Generation.

Eses tres eixos son, primeiro, recuperar espazo público para as persoas. Creamos novos espazos para a convivencia veciñal. Algúns exemplos son a recuperación da Praza do Concello ou a Explanada do Horizonte coa que fomentamos, fronte ao modelo dos parques de caucho, os ecoparques, que son novos espazos de lecer integrados na valorización da natureza e do paisaxismo. Tamén comezamos a conectar O Rosal creando sendas seguras para a mobilidade alternativa da veciñanza fronte ao uso exclusivo do coche.

En segundo lugar, propuxémonos ser exemplarizantes cunha transformación enerxética municipal captando fondos para a eficiencia enerxética modificando todo o noso alumeado público. Iniciamos unha reforma integral progresiva con criterios de eficiencia enerxética nas nosas escolas unitarias (imos pola terceira de sete). Tamén renovamos os sistemas de consumo enerxético das instalacións municipais máis importantes, despois dun estudo, instalando biomasa, solar ou aerotermia.

Por último, o terceiro eixo foi iniciar a transformación enerxética veciñal. Xeralizamos a compostaxe comunitaria no núcleo urbano e a individual nas parroquias. Fomos o primeiro, e de momento o único concello de toda a comarca, en contar con cargadores eléctricos para os vehículos e, agora, embarcámonos agora nas comunidades enerxéticas sendo o primeiro concello en adxudicar unha Oficina de Transformación Comunitaria.

Nun concello rural e pequeno en tamaño poboacional e recursos públicos, que leccións se poderán aprender para seren replicadas noutros similares?
O gran reto social que temos é que moitas persoas que non teñen nas súas prioridades diarias a sostibilidade ambiental, poidan chegar a ser partícipes e protagonistas da mesma.

A veciñanza e os visitantes relacionan O Rosal coa calidade de vida polo seu gran valor natural, patrimonial e paisaxístico. Estamos na Foz do Miño, bañados tamén polo océano Atlántico, nun val cheo de valor natural e cun microclima especial para o ámbito agrario. A sostibilidade ambiental e a transformación enerxética van unidas á consecución e mantemento presente e futuro desa calidade de vida que tanto nos enorgullece. Seguramente esta realidade, coas súas particularidades, sexa replicable noutros concellos do rural galego.

Para iso, penso que é importante traballar estratexicamente e priorizar a sostibilidade en todas as accións de goberno. Para nós, os fondos europeos, foron unha oportunidade fundamental para poder camiñar e materializar esa estratexia.

E a veciñanza, as empresas agrarias, os pequenos negocios e o tecido asociativo local, que lle comentan, que inquedanzas detectan neste paso que están dando?
Estamos no comezo do camiño da creación da comunidade enerxética rural do Rosal da man do proxecto EC4RURAL. De momento, temos moitas preguntas, curiosidade e ganas de implicación por parte do tecido social, nomeadamente algunhas comunidades de montes.

A OTC vainos permitir, precisamente, traballar nunha esfera de confianza nesa transformación enerxética, de comunicación directa, de esforzo constante co respaldo técnico persoa a persoa, de acompañamento con resposta inmediata e de estrutura para dar a coñecer o funcionamento e a realidade de mancomunar servizos en cuestións coma o mantemento das propias comunidades enerxéticas.

“A sostibilidade ambiental e a transformación enerxética van unidas á consecución e mantemento presente e futuro da calidade de vida do Rosal que tanto nos enorgullece.”

Mirando ao futuro, en concreto ao outono do 2025, coa OTC rematada, e ao verán do 2027, co proxecto EC4RURAL finalizado, coa comunidade enerxética do Rosal xa en marcha, como imaxina que influirá ese fito (histórico) na calidade de vida para o tecido social e empresarial do seu concello?
Agardo que poidamos concluír que somos un exemplo de avance na transformación enerxética renovable local no rural galego. Cun modelo eficiente e viable económica e socialmente, coa participación da veciñanza, que nos leve a priorizar a calidade de vida de todos mudando a xestión dun ben básico como é a enerxía para a vida das persoas.