EC4RURAL camiña cara ao avance na constitución dos Consellos Locais de Política Enerxética (EPC) nos concellos galegos e estonianos. Desde o comezo do proxecto organizáronse un total de 23 seminarios de apertura nos municipios piloto, durante os que se deu a coñecer o proxecto EC4RURAL e se explicou que son as comunidades enerxéticas rurais (CER) e que vantaxes ten para o cidadán e o medio.
En Galicia, durante os pasados dous meses de marzo e abril, o equipo técnico visitou Vedra, Silleda, Vilasantar, O Valadouro, Avión, Tomiño, Becerreá, Monterroso e Ourol. A participación foi variada, cunha media de 25 persoas asistentes, sobre todo cidadanía, pemes e GDR (Grupos de Desenvolvemento Rural).
Na totalidade dos municipios, os gobernos municipais amosaron a vontade de participar en EC4RURAL para colaborar na constitución das comunidades enerxéticas, abrindo tamén a posibilidade de ceder cubertas de espazos públicos para as instalacións fotovoltaicas.
As conclusións dos seminarios varían atendendo á experiencia previa de cada municipio arredor das enerxías renovables, mais é preciso resaltar que existen casos cun alto nivel formativo arredor das enerxías renovables, ademais de moita vontade por aprender e promover o cambio de modelo. No mes de maio, os seminarios continuarán en Galicia nos concellos de Mazaricos e Sober para seguir avanzando cara á unha transición xusta e sostible.
No caso de Estonia, nos dous meses pasados, a principal tarefa dos socios estonianos tamén foi dar a coñecer o proxecto EC4RURAL e as comunidades enerxéticas. En total, organizaron 12 seminarios de apertura nos 12 municipios piloto cunha media dunha decena de participantes en cada un. O obxectivo nestes encontros foi implicar ás persoas clave e líderes de opinión en cada rexión para que formasen os consellos de enerxía e apoiasen o proxecto, difundíndoo entre a cidadanía.
Os municipios adoitan ter experiencias previas moi diferentes coas enerxías renovables, pero a motivación por saber máis foi bastante alta. Un dos comentarios máis xeralizados é que aínda non hai unha lexislación específica que favoreza a adhesión dos usuarios e isto supón un reto á hora de planificar as comunidades enerxéticas rurais.