A iniciativa da UE busca que os consumidores das áreas rurais se constitúan en comunidades de produtores de enerxías limpas.
Que a transición enerxética non deixe atrás as comunidades rurais é o obxectivo dun programa europeo que escolle como zona piloto 22 concellos galegos. Queren constituír neles comunidades enerxéticas, para que os consumidores desas áreas sexan tamén produtores de enerxías limpas.
Os promotores da iniciativa subliñaron que moitos concellos galegos que son grandes produtores de enerxía teñen, con todo, a renda per cápita por baixo da media.
O que queren agora é promover as enerxías limpas, constituíndo comunidades enerxéticas onde a cidadanía obteña beneficio.
Levan o temón desta iniciativa na Universidade de Vigo e contarán coa colaboración dos grupos de desenvolvemento rural e dos concellos.
Para iniciar o camiño fixaranse en aldeas modelos como a de Infesta, en Monterrei.
O proxecto EC4RURAL da Unión Europea achega financiamento para este cambio de modelo: pasar de ser consumidores a “prosumidores”, que consomen e producen, polo ben dunha transición que sexa socialmente xusta.