Introdución

O Concello de Outes sitúase na comarca de Noia, ao suroeste da provincia da Coruña e a 40 quilómetros de Santiago de Compostela. É un territorio costeiro de 6.000 habitantes e conta cunha superficie de 99,74 quilómetros cadrados, presentando un grao de urbanización de Zona Pouco Poboada, segundo o Instituto Galego de Estatística.

Pertence ao Grupo de Desenvolvemento Rural DELOA (GDR18).

Poboación e estrutura demográfica 

A poboación de Outes rexistrou un descenso continuado de habitantes desde 2012 a 2022 cun -15% menos. Outes experimenta nese mesmo rango de datas un progresivo envellecemento da súa poboación. O grupo de idade que maior perda de poboación sofre é o de persoas menores de 64 anos, cunha especial incidencia en menores de 15 anos, o que supón unha redución do 40%.

O aumento do índice de dependencia global (IDG) en Outes é significativo e moi superior ao rexistrado en comparación coa Coruña e Galicia no seu conxunto. Alcanzou o 82% en 2022. A pirámide demográfica estréitase na base e aumenta a idade media, sendo esta a de 53 anos.

Confírmase o declive e envecellemento demográfico que afecta a nivel social, económico e cultural.

Dinámica demográfica en Outes.

Evolución da taxa de dependencia total de Outes, A Coruña e Galicia.

Economía

A evolución do PIB segue a mesma tendencia de crecemento que a provincia da Coruña e de Galicia. Tras un descenso inicial entre 2010 e 2012, as taxas de crecemento son positivas ata 2020. Despois, como consecuencia da pandemia, redúcese un 11,5% cun impacto maior que na Coruña (-10,5%) ou en Galicia (-7,7%). Outes está tiña un PIBpc de case 12.000 euros en 2020.

A Renda Bruta Dispoñible (RBD) amosa a mesma evolución positiva que no conxunto de Galicia e o da provincia, cun incremento significativo do 40% entre 2002 e 2019. A consecuencia da pandemia, a RBD reduciuse un 6% por habitante, situándose en 14.180€.

Usando o rexistro de afiliacións á seguridade social como unha estimación do emprego municipal, entre os anos 2011 e 2022, Outes experimentou un incremento do 2% do emprego. Por sectores, o primario perde moito peso cunha redución do 20% desde 2011.; no industrial rexistra un leve aumento do 1,7% mentres que os servizos increméntanse un 25%.

En 2022 Outes tiña unha taxa de actividade moi elevada, alcanzando o 71%. A súa taxa de ocupación era do 65% en 2022. A taxa de paro situábase no 10%, afectando o desemprego a un total de 243 persoas.

Evolución da Renda Bruta Dispoñible por habitante en Outes, A Coruña e Galicia.

Evolución das taxas de emprego, paro e actividade no municipio de Outes.

Recursos enerxéticos

Actualmente atópase en funcionamento o parque eólico Pedregal Tremuzo, que comezou a súa actividade en 2003. Conta con 30 aeroxeradores e unha potencia instalada de 25,5 MW. A súa produción estimada media nos últimos 10 anos foi de 67.472,24 MWh. Ademais, os PE Banzas e PE Outescontan coa autorización administrativa de construción tras obter unha declaración de impacto ambiental favorable. A potencia instalada no primeiro ano será de 31,185 MW, con 9 aeroxeradores, e de 21 MW no segundo ano, con 6 aeroxeradores.

O consumo eléctrico de Outes en 2023 foi de 12.098,09 MWh. O consumo residencial foi de 8.507,59 MWh. O consumo dos servizos, incluídos os municipais, foi de 3.307,64 MWh. A industria consumiu 282,87 MWh.