“As doce CER planificadas por EC4RURAL cambiarían o escenario enerxético de Estonia de forma significativa”

Cunha ampla formación profesional en proxectos da comunidades enerxéticas desde 2017, Nele Ivask ten un bo coñecemento do panorama enerxético comunitario de Estonia. En TREA, céntrase en proporcionar apoio técnico aos doce municipios piloto para implantar comunidades enerxéticas rurais (CER) adaptadas a cada territorio, non modelos estándar. A pesar dos retos, Ivask destaca o enfoque flexible de EC4RURAL e a importancia de fomentar solucións impulsadas de abaixo a arriba para promover as enerxías renovables nas zonas rurais dispersas de Estonia. “En Estonia, as comunidades enerxéticas rurais aínda non son ben aceptadas, pero estamos a concienciar sobre elas”, explica.

Poderías presentarnos a TREA e o seu traballo no marco do proxecto EC4RURAL?

TREA, a Axencia Enerxética Rexional de Tartu, foi creada hai quince anos e o seu principal obxectivo é apoiar aos concellos, comunidades, cidadáns e emprendedores locais en diferentes temas de xestión enerxética e de enerxía. Inicialmente, TREA estaba destinada a apoiar a transición enerxética no sur de Estonia, pero agora as actividades expandíronse por todo o país. TREA ofrece consultoría técnica e experiencia regularmente en reconstrución e xestión enerxética para asociacións de apartamentos e participa en diferentes proxectos europeos de reconstrución, enerxías renovables e comunidades enerxéticas. Agora, a enerxía comunitaria converteuse nunha das liñas de accións de TREA. En EC4RURAL, TREA actúa como entidade experta en enerxía comunitario e a nosa principal responsabilidade é contribuír como socio técnico apoiando aos municipios piloto no seu camiño cara á creación de comunidades enerxéticas, formar municipios e comunidades e utilizar as competencias e coñecementos dos expertos en enerxía para desenvolver orientacións, análises, etc.

De que tarefas te encargas?

Levo implicada en proxectos de comunidade enerxética como xestora de proxectos desde 2017, polo que teño un bo coñecemento deste escenario no noso país. E como experta en comunidades enerxéticas en TREA, a miña tarefa principal en EC4RURAL é apoiar aos doce municipios piloto de Estonia na creación de comunidades enerxéticas para preparar análises e visións xerais da situación de Estonia segundo o plan establecido. Ademais, tamén son a principal interlocutora cos nosos socios galegos en caso de actividades conxuntas.

Tendo en conta que Estonia é, sobre todo, un país rural, con 62 dos 79 municipios rurais mais unha poboación moi dispersa, e que tivo que buscar fontes de enerxía alternativas ao petróleo, son as comunidades de enerxía rural ben aceptadas? Cal é a situación actualmente?

En Estonia, as comunidades de enerxía rural aínda non son ben aceptadas. A razón principal é simple: aínda que a conciencia da xente sobre as oportunidades das comunidades enerxéticas medrou nos últimos anos, aínda non alcanzou un nivel suficiente. Este é, por exemplo, unha eiva na que estamos traballando para cubrir os obxectivos do proxecto EC4RURAL. En segundo lugar, aínda quedan algúns obstáculos sen resolver. Por exemplo, a actividade principal das comunidades enerxéticas é a produción local de enerxía renovable e o seu consumo in situ, o que tamén supón compartir enerxía entre distintos consumidores. Sen opción de compartir, os parques fotovoltaicos comunitarios previstos permanecerán pequenos e non crean motivación comunitaria. Compartir enerxía virtual non é posible (aínda!), só con liñas directas de ata 6 km. Pero isto é caro, especialmente nas zonas rurais de Estonia de poboación dispersa e con longas distancias entre consumidores.

“En EC4RURAL, a principal responsabilidade de TREA é contribuír como socio técnico apoiando aos municipios piloto no seu camiño cara á creación das comunidades enerxéticas”.

Unha das tarefas de TREA no piloto de Estonia é ofrecer as mellores solucións técnicas para a implantación das Comunidades Enerxéticas Rurais nos doce municipios participantes. Cal é o enfoque de EC4RURAL para este traballo: propoñer modelos estándar ou adaptarse ás particularidades de cada concello? Por que?

En Estonia, aínda non temos modelos claros e probados. Os modelos que funcionan noutros países son só parcialmente adaptables e moitas veces non teñen en conta as especificidades locais. Polo tanto, pensamos adaptar os modelos ou crear novos modelos se é necesario. Cada concello e a súa situación son diferentes.  Polo menos polo momento, en Estonia as comunidades enerxéticas non están reguladas de xeito moi estrito. Significa que somos bastante flexibles á hora de decidir o modelo e a configuración da comunidade enerxética. E persoalmente gústame moito esta flexibilidade: dá a oportunidade de construír comunidades enerxéticas “a medida” exactamente segundo as necesidades da comunidade local.

Cal foi ou é o teu maior reto ata agora neste proxecto? E a túa maior recompensa?

O maior desafío e a maior recompensa ata agora foron as dúas caras da mesma moeda. Por unha banda, foi un reto chamar a atención dalgúns concellos piloto e resultou complicado implicalos no inicio do proceso. En Estonia (como noutros países) estamos actualmente no medio de diversas crises e os recursos municipais están dirixidos máis ben a resolver problemas locais máis críticos. Ao mesmo tempo, actualmente estamos na primeira fase de desenvolvemento das comunidades enerxéticas e estamos visitando todos os concellos un por un in situ. Cando estivemso sentados arredor da mesa, as discusións foron sumamente construtivas e agradables. Ademais, grazas ao proxecto EC4RURAL, desenvolvemos unha boa colaboración e reforzamos o contacto con outros socios estonianos cos que tiñamos colaborado, pero de forma esporádica. Nós mesmos somos como unha pequena comunidade.

As Comunidades Enerxéticas Rurais necesitan apoio para medrar e consolidarse. Un dos documentos que produciredes para EC4RURAL é a “Guía de boas prácticas para a constitución de CER en Estonia”. Cóntanos un pouco máis sobre este informe.

A guía está destinada ás Comunidades Enerxéticas Rurais e, ademais da parte máis teórica, incluirá todos os aspectos importantes cos que se vai atopar cunha comunidade enerxética inicial ou planificada. Paréceme especialmente valioso recoller a experiencia dos nosos piloto neste documento. O noso obxectivo é proporcionar unha guía o máis práctica posible que resulte realmente útil e interesante de ler. O piloto de EC4RURAL en Estonia é unha grande oportunidade para pasar por estas experiencias prácticas a canda aos concellos e tamén compartilas con outros.

“O feito de que o proxecto involucre a socios de dous países e que están a implementar actividades similares en paralelo facilita a aprendizaxe en profundidade”.

Ten unha ampla experiencia profesional na implantación de Comunidades Enerxéticas Rurais. Que diferenza a EC4RURAL doutros proxectos nos que colaboraches anteriormente, tanto a nivel nacional como internacional?

EC4RURAL é un proxecto moi ambicioso en comparación con outros. En Estonia, creáronse oficialmente dúas comunidades enerxéticas durante os últimos 5 anos e, no marco de EC4RURAL, está previsto crear 12 máis. Isto cambiaría a situación das comunidades enerxéticas en Estonia de forma bastante significativa. En comparación con outros proxectos nos que traballei, por unha parte, hai unha gran ambición detrás dos nosos obxectivos, Pola outra, debido ao propio funcionamento do consorcio estoniano, EC4RURAL ten unha proxección moito ampla, empezando no nivel nacional e despois, pasando ao local.

Algún outro tema que che gustaría destacar?

Ademais do comentado, EC4RURAL ten outro punto forte. Ofrécenos unha excelente oportunidade para coñecer máis sobre a situación da enerxía comunitaria en España -tanto as vantaxes como os colos de botella. O feito de que o proxecto involucre socios de dous países e que están a implementar actividades similares en paralelo facilita a aprendizaxe en profundidade. E por suposto, por último, o proxecto EC4RURAL permitiunos coñecer aos nosos encantadores compañeiros galegos, cos que sempre é agradable discutir temas, comparar actividades dos proxectos en ambos os países e intercambiar experiencias.

Bio

Nele Ivask cursou un Máster en Xeografía Humana e Ecoloxía Industrial. Traballa en proxectos de enerxía comunitaria de TREA desde 2017, tendo colaborado en programas como Co2mmunity, Energize Co2mmunity, COMETS e CREATORS.
É experta na situación das comunidades enerxéticas en Estonia e conta cunha ampla experiencia en cooperación con organizacións doutros países. Ademais, desenvolveu numerosos contactos con partes interesadas de comunidades nacionais e locais. Foi responsable da preparación de varios materiais de orientación para a creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas e de recomendacións para os lexisladores do seu país.
Tamén ten experiencia como xefa de proxectos grazas á colaboración nos pilotos implantados na cidade de Tartu. Ademais, participou directamente no proceso para decidir cómo municipio pode desenvolver e apoiar as comunidades enerxéticas.