Xavier Simón, coordinador de EC4RURAL, e Ánxela Fernández, alcaldesa do Concello do Rosal (Galicia, España) adscrito ao noso proxecto, participaron o 14-15 de marzo nunha visita de traballo ao territorio da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Duero-Douro para coñecer unha boa práctica en enerxía comunitaria transfronteiriza: o modelo Efiduero.

Precisamente, xa en febreiro pasado, coñecemos a experiencia desta comunidade enerxética transfronteiriza durante a presentación en Bruxelas (Bélxica) do Manual sobre Comunidades Enerxéticas Transfronteirizas, elaborado para a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (REGIO) por un consorcio formado por Spatial Foresight, Eurac e EureConsult. A este evento asistiron os nosos compañeiros de ELARD.

Efiduero é unha Sociedade Cooperativa Europea nada en 2017 para a posta en marcha de iniciativas de xestión e investimento encamiñadas a favorecer o desenvolvemento territorial mediante o aproveitamento da enerxía renovable. Está integrada por 55 concellos do territorio transfronteirizo localizado entre Zamora e Salamanca (España) e Trás-os-Montes e Beira Interior Norte (Portugal). En 2021 crearon unha Comunidade Cidadá de Enerxía que se converteu en comercializadora de enerxía no mercado ibérico.

Ata momento, o modelo de Efiduero permitiu desenvolver 150 instalacións fotovoltaicas en tellados de edificios públicos, que sumadas ás 80 en curso de realización totalizarán máis de 3,4 MW. A cambio, os concellos reciben unha parte importante da enerxía eléctrica que consomen. A participación no capital de Efiduero é de 25€. A cooperativa Efiduero vende a enerxía aos seus socios a prezo de custo e ten posibilidade de compartir excedentes con eles, independentemente da distancia que exista entre o punto de consumo e o lugar onde se produce o excedente. Normalmente o límite son 2 quilómetros.

Ademais deses concellos, tamén visitaron varias experiencias en Fermoselle, en plena Raia e coñeceron a súa rede de puntos de recarga para automóbiles eléctricos, a máis grande de toda a península ibérica.

Ánxela Fernández Callís, alcaldesa de O Rosal, manifestou que “…para un concello rural galego, a principal lección tirada da visita a Zamora e Salamanca foi observar como o marco regulador das administracións locais non impide que estas se convertan en parte activa da transición enerxética”. Pola súa parte, Xavier Simón chamaba a atención, unha e outra vez, sobre “a necesidade de pensar nun futuro onde as pequenas instalacións enerxéticas locais sexan parte dunha entidade maior, controlada polos mesmos actores locais, que facilite fortalecer o papel a xogar dentro do mercado eléctrico. É dicir, producir, autoconsumir pero tamén comercializar”.