“Divulgar a importancia das Comunidades Enerxéticas Rurais require escoita e empatía”

A través desta entrevista con Almudena Fiunte, técnica de EC4RURAL, achegámonos ao traballo de campo que está realizando coa veciñanza dos 22 concellos galegos participantes no noso proxecto. O cambio de opinión é notable e moi positivo, explica, cando lles “traduce” a complexidade técnica das Comunidades Enerxéticas Rurais a unha linguaxe sinxela e accesible.

Almudena, que rol tes no proxecto EC4RURAL?

Como técnica do proxecto EC4RURAL o meu rol é integrar tanto o enfoque técnico como o social. Dende a parte técnica, traballo na investigación sobre as Comunidades Enerxéticas Rurais (CER). Partindo das diagnoses que analizan o potencial enerxético dos 22 concellos galegos, elaboro procedementos e plans de acción, adaptados a cada territorio para facilitar a implementación das CER.
Dende o compoñente social, manteño contacto directo cos concellos, os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e coa cidadanía. Implicando a dinamización a través de encontros de colaboración entre actores clave, garantindo a participación democrática da cidadanía. Sendo o equilibrio entre a parte técnica e social, o que asegura que este modelo enerxético poida perdurar e mellorar a calidade de vida nas zonas rurais.

Nun proxecto internacional destas características, como xestionas o traballo en equipo cos técnicos das entidades socias? Como é a planificación ou coordinación?

A coordinación nun proxecto internacional como EC4RURAL esixe unha boa comunicación e planificación. Utilizamos ferramentas dixitais que permiten facer seguimento de tarefas e compartir documentación en tempo real, algo fundamental cando traballamos con equipos de diferentes países. Realizamos reunións periódicas para revisar avances e asegurar que todas as partes están aliñadas cos obxectivos do proxecto. A clave está na flexibilidade e na capacidade de adaptación, sen perder o foco.

Es o enlace de EC4RURAL cos 22 concellos galegos que están adscritos ao piloto de Galicia, como está sendo o traballo de campo para achegarse á veciñanza?

O traballo de campo está resultando ser unha experiencia enriquecedora. Achegarnos á veciñanza é fundamental, xa que as Comunidades Enerxéticas Rurais representan non só un cambio técnico, senón unha transformación cidadá.
A través das reunións coa cidadanía e as autoridades locais, favorecemos a comprensión das Comunidades Enerxéticas Rurais e os beneficios implícitos. É natural que inicialmente haxa certo escepticismo ou descoñecemento, pero ao abordar a redución na factura eléctrica, a autosuficiencia e a transición enerxética, a implicación da comunidade aumenta notablemente. Esta conexión coas persoas e a capacidade de abordar as súas inquedanzas son claves para fomentar un sentido de pertenza e compromiso coas CER.

“Achegarnos á veciñanza é fundamental xa que as Comunidades Enerxéticas Rurais representan unha transformación cidadá”

Cal foi, ou é, o teu maior reto? E o teu maior desafío?

O meu maior reto consiste en traducir a complexidade técnica das Comunidades Enerxéticas Rurais a unha linguaxe sinxela e accesible. A información técnica que rodea estas iniciativas pode resultar inabarcable, por iso, o reto radica en presentar á cidadanía as Comunidades Enerxéticas Rurais de forma clara e atractiva, co obxectivo de que poidan entender e visualizar todos beneficios.
O desafío consiste en crear un verdadeiro compromiso entre todas as partes implicadas. Convencer a cada figura social sobre a importancia e os beneficios das Comunidades Enerxéticas Rurais (CER) require escoita e empatía. O obxectivo é lograr que todas as partes se sintan partícipes e motivados a contribuír á iniciativa, superando barreiras de desconfianza e fomentando un ambiente de colaboración.

En xeral, había coñecemento sobre as Comunidades Enerxéticas Rurais entre a veciñanza? Cales son as súas maiores dúbidas?

En moitos casos, o concepto de Comunidades Enerxéticas Rurais era descoñecido ou moi pouco familiar. A maioría das persoas non estaba ao tanto de que podían xerar e compartir a súa propia enerxía a nivel local. As súas maiores dúbidas xiran arredor do funcionamento técnico, como vai afectar ás súas facturas eléctricas, a cesión de cubertas para as instalacións fotovoltaicas, ou sobre os custos iniciais. Outro aspecto que preocupa é a viabilidade a longo prazo e como se resolverán os posibles problemas técnicos.

E se falamos de expectativas e futuro, que é o que valora máis a xente de todas as vantaxes que pode conseguir con este novo modelo enerxético?

O que máis valora a xente é a posibilidade de reducir a súa dependencia das grandes compañías eléctricas e de aforrar na factura da luz. Tamén perciben como algo moi positivo o impacto ambiental que supón este modelo, ao xerar enerxía limpa e local. A autosuficiencia enerxética, unida ao sentido de comunidade e colaboración, é outro aspecto que os veciños e veciñas aprecian moito, especialmente nas zonas rurais onde hai un forte sentido de solidariedade. A idea de que a cidadanía pode ser partícipe dun cambio tan significativo é algo que xera moita ilusión e expectativas de mellora a longo prazo.

Bio

Almudena Fiunte, graduada en Educación Social pola Universidade de Santiago de Compostela, con formación adicional nun Máster en Igualdade, Xénero e Educación e outro en Agroecoloxía: un enfoque para a sostibilidade rural pola Universidade Internacional de Andalucía.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Almudena ten desenvolvido a súa experiencia no ámbito da educación social e a igualdade. Un dos seus principais enfoques é a dinamización social, un campo no que traballa para fortalecer as comunidades a través da promoción do desenvolvemento persoal e colectivo. Neste sentido, participou en programas que axudan a mellorar as habilidades sociais en diferentes contextos, promovendo unha participación activa e colaborativa. Ademais, integra estratexias de educación ambiental e intelixencia emocional para a sensibilización cidadá.

A súa experiencia abrangue tamén o acompañamento de infancias vulnerabilizadas, onde desenvolve procesos de intervención educativa que buscan proporcionar apoio emocional, reforzar a autoestima e fomentar a resiliencia. Ademais, conta con formación e experiencia en mediación familiar, axudando a resolver conflitos e promover o entendemento en situacións complexas.

Así mesmo, participa en proxectos de soberanía alimentaria e dinamización rural, ademais de implicarse activamente en iniciativas de ecofeminismos e na loita contra a emerxencia climática.