As segundas xornadas sobre “Comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias. O ecosistema galego” foron onte un encontro enriquecedor para visibilizar o traballo social, económico e político que se está realizando en Galicia para impulsar a transición enerxética local. Organizadas polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) contaron coa colaboración do noso proxecto EC4RURAL, ademais do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) e a Universidade de Vigo. O presentador e moderador das xornadas foi Xavier Simón, director do OEGA e coordinador de EC4RURAL.
Durante os relatorios, os asistentes puideron coñecer en primeira persoa proxectos de entidades locais, concellos, deputacións, Xunta, comunidades de montes e outras iniciativas se levan a cabo en Galicia desde diferentes ámbitos para impulsar esta transición controlada pola cidadanía.
Catro desas experiencias foron as doutros tantos concellos adscritos ao Piloto Galicia de EC4RURAL: O Rosal, Vilasantar, Moeche e Muíños.
A alcaldesa do Rosal (Pontevedra), Ánxela Fernández Callís, explicou a creación por parte do Concello da primeira Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) do rural galego, que contará cun proceso participativo moi relevante. Hai pouco adxudicaron a xestión deste servizo que busca facilitar a creación de comunidades enerxéticas locais, reforzando o apoio técnico e o asesoramento á veciñanza para impulsar proxectos que reduzan o consumo, aforren na factura da luz e fomenten a transición cara ás enerxías renovables. “O Rosal é un lugar idóneo para a implantación de comunidades enerxéticas pola súa tradición de colaboración social e asociativa. Esta oficina é un paso máis no noso compromiso por un futuro máis sostible, achegando ferramentas prácticas para que a veciñanza e as pequenas empresas poidan ser tamén protagonistas do cambio enerxético”, explicaba a rexedora.
Pola súa banda, a alcaldesa de Moeche (A Coruña), Beatriz Bascoy comenzou a súa intervención recordando como a idea de constituír a súa Comunidade Enerxética Local xurdiu da contestación social a un parque eólico. Desde o primeiro momento, puntualizou, o “goberno local está tirando do carro, pero quero recordar que é a veciñanza quen monta a comunidade enerxética”. A día de hoxe teñen 28 unidades interesadas, pero lamentou que só 18 se atopan dentro do radio de 2 km no que pode actuar a CER lamentando que algúns dos excluídos sexan explotacións agrarias.
No caso de Vilasantar (A Coruña), o alcalde Fernando Pérez Fernández, foi explicando os pasos dados para crear a Comunidade Enerxética Rural Vilasantar Enerxía, que se atopa na fase de redacción do proxecto técnico. Os paneis fotovoltaicos instalaranse na cuberta do polideportivo municipal e poderán surtir ao 25% das vivendas do municipio.
O pasado mes de outubro o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, recibía a placa de “Concello en transición enerxética”, que EC4RURAL outorga aos municipios adscritos ao proxecto. Unha distinción que se suma a “Bandeira Verde” polo coidado da contorna, o respecto á paisaxe e á redución das emisións de CO2 e do consumo enerxético que recibía do Instituto de Estudos do Territorio. Na xornada participou Sergio Rodríguez, representando a Galeosol, a enxeñaría encargada realizar a instalación fotovoltaica en dependencias municipais que recibiu unha axuda do IDAE. A comunidade enerxética de Muíños recibe o nome COMELSA, comunidade enerxética Limia-Salas.
Compartindo tempo cos anteriores, a secretaria – interventora de Xermade (Lugo) tamén contou a súa experiencia coa “rápida” constitución da súa Comunidade Enerxética Local. “Hai un ano, eu non sabía nada sobre este tema e estaba aí entre o público informándome. Hoxe, a CER de Xermade está constituída”, destacaba ao tempo que valoraba que cada vez haxa máis “casos de éxito” galegos.
Cursos de formación de EC4RURAL en decembro
Por parte de EC4RURAL, a técnica Almudena Fiunte, presentou o noso proxecto e fixo un repaso das fases que se foron completando neste primeiro ano de traballo no Piloto de Galicia. Desde a denominada Fase de Inspiración, durante a que se constituíron 13 grupos impulsores e despois, os 7 grupos motores, á Fase de Liberación da Enerxía Comunitaria.
Ademais dun punto de partida dispar para os 22 concellos que participan en EC4RURAL, Fiunte enumerou as debilidades que foron atopando no camiño e que repercuten na implantación das CER. Son a falta de axilidade administrativa, a de financiamiento ou de capacidade para solicitar axudas públicas, así como pouca participación social ou de liderado municipal.
Actualmente, o equipo de EC4RURAL está desenvolvendo seis cursos de formación para implantación de Comunidades Enerxéticas Locais que estarán dispoñibles a partir de decembro.