A tese de mestrado de Elena Gallego Chávarri, presentada no marco do Mestrado Internacional en Desenvolvemento Rural da Universidade de Gante (Bélxica), investiga os principais obstáculos e as oportunidades na implementación de comunidades enerxéticas nos municipios rurais de España, onde destaca as implicacións socioeconómicas, culturais e normativas. O coordinador do proxecto EC4RURAL, Xavier Simón, foi codirector deste traballo académico.
A investigadora Elena Gallego Chávarri presentou recentemente a súa tese de mestrado centrada nos desafíos que afrontan as Comunidades Enerxéticas (CE) nos municipios rurais de España. A tese, titulada Comunidades enerxéticas en municipios rurais de España: un estudo de caso do seu contexto e situación actual, afonda nas barreiras e nas oportunidades no desenvolvemento destas iniciativas, cun enfoque multidimensional que inclúe tanto factores normativos e socioeconómicos como culturais.
A tese de mestrado salienta que as zonas rurais caracterízanse por un elevado potencial para a produción de enerxías renovables, mais sofren problemas estruturais como o despoboamento e o envellecemento da poboación. Estas complicacións dificultan a adopción de proxectos innovadores como as CE, a pesar das políticas europeas que promoven o autoconsumo e a creación de enerxía limpa.
A autora identifica os principais impedimentos que imposibilitan o éxito das CE nas zonas rurais a través dun enfoque metodolóxico rigoroso, que inclúe revisión bibliográfica, entrevistas a expertos e traballo de campo etnográfico no municipio do Rosal, Galicia. Este concello forma parte das administracións locais incluídas no proxecto EC4RURAL. Unha das conclusións máis significativas do estudo é a necesidade de fortalecer o apoio institucional e mellorar a información pública sobre os beneficios das CE, tanto para as comunidades como para os individuos. O traballo de Gallego Chávarri pon de manifesto que a creación destas iniciativas non só require avances tecnolóxicos, senón tamén un cambio na percepción pública e un maior compromiso das administracións locais. Tamén subliña como relevantes a falta dun marco normativo claro, a complexidade administrativa e a escaseza de recursos técnicos e financeiros a nivel local.
Finalmente, a investigación tamén destaca a importancia da inclusión das comunidades locais no deseño e na execución dos proxectos de enerxía renovable de maior escala co fin de garantir a súa sustentabilidade a longo prazo e maximizar o impacto económico positivo nas zonas rurais.
O traballo de investigación alcanzou a máxima puntuación do tribunal que o xulgou.