Con esta entrevista a Natalia Outerelo, inauguramos unha nova sección para presentar a todas as persoas que conforman o equipo de traballo de EC4RURAL.

Natalia, que rol tes no proxecto EC4RURAL?
O meu rol é o de xestionar o proxecto EC4RURAL. Isto tradúcese en diversidade de tarefas no meu día a día. Principalmente, o meu traballo consiste en:

  • Xestión do proxecto:
    • Seguimento de todos os paquetes de traballo.
    • Reunións de seguimento de todas as tarefas.
    • Avaliación interna do nivel de cumprimento dos fitos intermedios e das obrigas específicas.
    • Programación ex-ante das tarefas a desenvolver dentro do cronograma do proxecto.
    • Participación na xeración de contidos para a formación en cidadanía enerxética.
  • Apoio administrativo, legal e financeiro:
    • Xestión administrativa e técnica do proxecto.
    • Redacción de documentos xustificativos para a Comisión Europea.
    • Xestión da planificación mensual e anual do proxecto.
  • Comunicación e información coa Comisión Europea:
    • Comunicación interna.
    • Preparación e coordinación dos entregables do proxecto e do rexistro dos fitos.

En xeral, nun proxecto destas características, con que retos te estás atopando e como os resolves?
Os principais obstáculos son xestionar a complexidade da responsabilidade e da xestión dos momentos intensos de traballo, tanto no control interno como externo. Por outra parte, con respecto ás dificultades entre os pilotos de España e de Estonia, a xestión de diferentes axendas, diferente horario e diferentes formas de traballar.

Como responsable técnica do proxecto, es o nexo de unión entre os dez socios e entre as case 30 persoas que integran o equipo de EC4RURAL. En xeral, todos moi diferentes entre si ao que tamén se lle suma a barreira da distancia e do idioma. Como está sendo o desafío?
É un reto ao ser persoas de diferentes países, entidades, bagaxe persoal e cultural e expresándonos nun idioma vehicular, o inglés, e non na nosa lingua materna. Ao termos estas dificultades claras e ao seren conscientes delas todos os que conformamos o equipo de EC4RURAL, a empatía, a asertividade na comunicación son características indispensables para o traballo diario.

E por outra banda, que está a ser o máis gratificante?
Sen dúbida, a sensación de estar traballando en equipo e de afrontar os traballos, os entregables e os fitos neste proxecto común á vez que se percibe unha evolución constante.

Desde o teu punto de vista, por que cres que son importantes para a sociedade proxectos como o de EC4RURAL?
Son indispensables porque permiten investigar, mellorar e implementar ou resolver, grazas a fondos europeos, problemáticas de diversa índole cun enfoque de cocreación e de abaixo arriba  e cunha perspectiva multiactoral. No caso de EC4RURAL, considero que é especialmente relevante ao contribuír ao fomento do compromiso local para a transición enerxética limpa a través das comunidades enerxéticas rurais en España e Estonia, mellorando as condicións do rural e da súa xente, e tratando de propor solucións innovadoras e replicables noutros territorios de Europa.

Bio Xestora do proxecto EC4RURAL Natalia Outerelo, graduada en Filosofía e en Tradución e Interpretación (inglés como especialidade principal e alemán como especialidade secundaria), e con dous mestrados en Comercio Internacional e en Formación para o Profesorado, conta con diversa experiencia en varios campos: tradutora e revisora, docente de formación regrada e non regrada, técnica en Comercio Exterior e xestora e técnica en xustificación de proxectos europeos na Universidade de Vigo.