Hoxe celebrouse a segunda sesión do Curso de Iniciación ás Comunidades Enerxéticas Rurais. Coa participación de Almudena Fiunte, técnica do proxecto, e Xavier Simón, coordinador de EC4RURAL, nas 5 horas desta segunda sesión tratouse de aterrar o proceso de creación dunha comunidade enerxética incidindo en todos os compoñentes do modelo de negocio que cada unha das iniciativas locais debe definir.

A finalización desta sesión dá paso á intervención de dous técnicos externos ao proxecto. En primeiro lugar, Carlos Amoedo, profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, participará o día 17 de setembro para sentar as bases do que é a partición municipal nos procesos de transición enerxética. Neste sentido, a xerencia do GDR Terra e Auga fará un chamamento específico a todos os equipos de habilitación nacional dos dez concellos, secretarías e intervencións, para que se sumen a esta xornada.

En segundo Lugar, Mauro Vázquez, responsable de Belian Energy, participará o día 20 de setembro para pechar o curso cunha xornada centra sobre aspectos técnicos que axuden a definir a matriz global do que unha comunidade enerxética debe ser para poder operar no mercado eléctrico.