Durante a sesión denominada “Políticas  para as renovábeis: cocreación ou coaptación da poboación rural na transición enerxética”, o profesor da UVIGO Xavier Simón presentou a ponencia titulada “Enerxía para as persoas” na que sucintamente caracterizou a proposta metodolóxica e de acción para o avance da enerxía comunitaria que estamos a traballar dentro do proxecto EC4RURAL. O profesor Simón incidiu na necesidade de definir marcos reguladores e sistemas de apoio público que incentiven o avance das iniciativas enerxéticas comunitarias que son controladas directamente pola cidadanía. Neste sentido recalcou o atraso relativo que estas iniciativas teñen en Galicia en relación con outros territorios ibéricos como Portugal, Navarra, Cataluña, Andalucía e tamén respecto a outros países europeos como Grecia, Italia, Alemaña ou Francia.

Na mesma sesión presentáronse outras experiencia de transición enerxética en países como a República de África do Sur, Nepal, India ou Portugal.

Este congreso que reuniu en Pontevedra a mais de 1300 investigadores e investigadoras dos 5 continentes, convertendo á cidade do Lérez e á Universidade de Vigo no centro mundial da economía ecolóxica.

 

10.º Conferencia Internacional sobre Decrecemento

A Conferencia Internacional sobre Decrecemento lévase celebrando desde 2008 en distintas cidades como París, Barcelona, Berlín, Venecia, Leipzig, Budapest, Malmö, Viena, Manchester e A Haia. A edición de 2023 tivo lugar en Zagreb, antes de vir a Pontevedra en 2024.