Mañá, 25 de abril, o proxecto EC4RURAL foi elixido novamente como modelo de boas prácticas para presentar os seus obxectivos na a feira local do proxecto Elabhause.rur project, liderado por Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e no que o Concello de Vedra participa como socio. Vedra é un dos 22 concellos galegos que participan en EC4RURAL e no que xa se están dando os primeiros pasos para implantar unha comunidade enerxética rural (CER).

Durante a feira deste xoves 25 farase a presentación final do proxecto Elabhause.rur e nos postos poderán verse outros exemplos de boas prácticas.

Elabhause.rur propón crear laboratorios de economía social rural baseados no enfoque da Nova Bauhaus Europea, para potenciar a sostibilidade a longo prazo das economías rurais. Conta con financiación do programa COSME da Unión Europea.

A Nova Bauhaus Europea pretende impulsar un movemento arquitectónico para construír cidades máis habitables, sostibles e inclusivas. Este programa, impulsado pola Comisión Europea en 2020, inspírase no movemento Bauhaus de principios do século XX. A Bauhaus foi unha escola artística e de deseño fundada polo alemán Walter Gropius en 1919, xusto despois da Primeira Guerra Mundial.

 

Asistencia a outros tres eventos en abril

Coincide que este mes de abril, EC4RURAL foi elixido como caso de éxito para presentar o traballo que se está realizando na II Feira de Sostibilidade do IES Luis Seoane de Pontevedra (19 de abril), a feira ExpoMunicipal da man da FEGAMP (11 de abril) e á formación sobre a estratexia de transición enerxética Xera do GDR Terra e Auga (5 de abril).